02 Nov Cerámica Campo presenta Campo Sementa, o seu programa de apoio á formación e a inserción laboral
Cerámica Campo presentou a semana pasada na súa planta de Mesía (A Coruña) o seu programa de apoio á formación ‘Campo Sementa’.
O acto contou coa participación do alcalde de Mesía, Mariano Iglesias; a directora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez; e a subdirectora de Recursos Minerais da Xunta de Galicia, María Coutinho.
Tamén asistiron ao evento preto de un centenar de profesionais da Formación Profesional e universitaria, representantes do sector da arquitectura e a minería, entre os que se atopaban o presidente e a directora da COMG.
Durante o acto, Jacobo Campo, conselleiro delegado de Cerámica Campo, explicou como a innovación, o desenvolvemento rural e a protección do medioambiente “forman parte do ADN da empresa desde a súa creación hai máis de 80 anos”. Este afán innovador é o mesmo que fixo que se materialice Campo Sementa.
Pola súa banda, Gonzalo Souto, director técnico da compañía, presentou os fitos máis importantes deste novo programa onde un dos principais obxectivos a cumprir é “axudar a cubrir a alta demanda de profesionais da industria ao mesmo tempo que se reduce a alta taxa de paro xuvenil”.
“Ademais foméntase o desenvolvemento dos propios traballadores de Cerámica Campo, que acumulan máis de 3.000 horas de formación e 40 competencias acreditadas ou en proceso de acreditación”, sinalou.