10 Out Cecilia Trancón, nova presidenta da Cámara Oficial Mineira de Galicia
- Cecilia Trancón é enxeñeira de minas e directora xeral de Caolines de Vimianzo (CAVISA) desde xullo de 2022.
- Entre os principais retos da nova presidenta está solicitar o impulso dos concursos mineiros na comunidade e a mellora das prestacións do Catastro Mineiro de Galicia.
A Coruña, 10 de outubro de 2024. – A Xunta Directiva da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), reunida o martes 8 de outubro de xeito extraordinario en formato presencial, acordou nomear a Cecilia Trancón, directora xeral de Caolines de Vimianzo (CAVISA), como nova presidenta da institución por unanimidade.
Na votación, tal e como recollen os estatutos da COMG, tiveron dereito a voto os vogais representantes dos subsectores de augas embotelladas, augas de balneario, áridos, cerámica, granito, investigación, minerais industriais, minerais metálicos, lousa, enxeñeiros de minas, enxeñeiros técnicos de minas e xeólogos, entre outros.
Cecilia Trancón é enxeñeira de minas e conta con máis de vinte anos de experiencia na industria extractiva. Desde xullo de 2022, ocupa o cargo de directora de Caolines de Vimianzo (CAVISA), empresa cunha longa traxectoria na extracción e aproveitamento de minerais como o caolín, a mica e o cuarzo, con sede en Vimianzo (A Coruña). Tamén é presidenta da Asociación para o Fomento da Investigación da Cerámica de Galicia (Aficega) e membro do Comité Industrial do Instituto de Materiais (iMATUS) da Universidade de Santiago de Compostela.
Tras o seu nomeamento, Cecilia Trancón manifestou que “é unha honra e unha responsabilidade recibir o voto da maioría da Xunta Directiva. Agradezo a confianza dos meus compañeiros e compañeiras e póñome á súa disposición para que, entre todos, demos o lugar que se merece á industria mineira en todos os ámbitos da sociedade”.
Os tres predecesores recentes de Cecilia Trancón na presidencia da COMG son Juan de Dios Martín Aparicio (2013-2020), José Lista Tasende (2020-2021) e Juan José López Muñoz (2021-2024).
Próximos retos
A nova presidenta e o equipo que a acompañará nesta nova etapa da COMG terá sobre a mesa a responsabilidade de encabezar o centenario da institución, que se celebrará o próximo ano. Será un momento de recoñecemento a todas as persoas que fixeron posible que a COMG cumpra cen anos e para poñer sobre a mesa os desafíos da organización e o sector no seu conxunto para os próximos lustros.
Ademais, tamén deberá facer fronte a outras cuestións dirixidas á defensa da minería sostible de Galicia, como reclamar que se leven a cabo os concursos mineiros na comunidade; a mellora das prestacións do Catastro Mineiro de Galicia; a materialización de varios proxectos de I+D+i, a través da Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE); a creación de novas redes de colaboración coa Administración; así como fortalecer a colaboración no sector mineiro en dirección a un crecemento sostido a futuro.
Durante a Xunta Directiva, os integrantes da COMG agradeceron a Juan José López Muñoz o seu traballo durante os últimos tres anos.
Sobre a Cámara Oficial Mineira de Galicia
A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) é un órgano consultivo que representa ao sector industrial dos recursos minerais en Galicia. Reúne nunha mesma entidade os intereses públicos e privados para conseguir o mellor aproveitamento dos recursos xeolóxicos dunha forma sostible e maximizar o seu beneficio para a sociedade. Está formada por todas as persoas físicas ou xurídicas que realizan actividades destinadas á investigación e o aproveitamento dos recursos xeolóxicos, calquera que sexa a súa orixe ou estado físico, desde o seu coñecemento ata a súa posta en valor.