Os premios teñen unha periodicidade anual e consistirán nunha distinción de carácter honorífico. Están orientados a aqueles profesionais, empresas, entidades ou organismos vinculados ao sector mineiro galego. Establécense dúas modalidades:
Traxectoria: recoñecemento a unha carreira meritoria que destaque polo seu bo facer no eido da minaría.
Comunicación: premia o labor de difusión da realidade mineira dirixida a un mellor coñecemento do sector e á súa promoción.
2. CANDIDATURAS
Poderán optar aos premios todas aquelas empresas, entidades ou persoas vinculadas ao sector mineiro galego, ou relacionadas coa temática do premio.
As candidaturas poderán ser presentadas polo propio interesado ou por calquera persoa ou entidade que desexe propoñer un candidato. Para iso deberán encher os seus datos no seguinte formulario para que un profesional da COMG se poña contacto para proporcionar a información necesaria.
Poderán achegar todos aqueles documentos que consideren oportunos para xustificar os méritos que moven a súa presentación.
A solicitude deberá ser remitida á Cámara Oficial Mineira de Galicia por fax (981 139 664), correo electrónico (cmg@camaraminera.org) ou correo postal (Juan Flórez 33-35, entreplanta esq. 15004 A Coruña).
O prazo de admisión de candidaturas remata o venres 22 de novembro, inclusive.
Os datos achegados serán considerados como confidenciais e non poderán ser publicados nin divulgados sen autorización dos interesados.
3. XURADO
O xurado comporase dun mínimo de 4 membros da comunidade mineira galega. Estará presidido polo Presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia ou a persoa en quen delegue, e estará composto por membros da Xunta Directiva da Cámara Oficial Mineira de Galicia, así como alomenos un membro da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.
O xurado poderá solicitar aos candidatos a información adicional que considere necesaria para tomar a súa decisión.
A decisión do xurado será tomada por maioría simple e será inapelable. En caso de empate, este será resolto polo voto de calidade do Presidente do xurado.
A resolución do xurado comunicarase aos participantes con anterioridade á entrega dos premios, que terá lugar durante a festividade de Santa Bárbara.