Alberto novoa presidente fda

Alberto Novoa, novo presidente da Federación de Áridos, principal patronal do sector en España

O avogado ourensán Alberto Novoa foi nomeado presidente da Federación de Áridos (FdA), principal patronal do sector dos áridos en España, por un mandato de dous anos. Novoa será, ademais, o representante europeo do sector español a través da Unión Europea de Produtores de Áridos (UEPG). A súa designación supón un recoñecemento ao talento e liderado galegos, reafirmando a importancia de Galicia no panorama industrial español e europeo.

Con máis de 250 millóns de toneladas anuais de produción, os áridos constitúen a segunda materia prima máis consumida en España, despois da auga. A FdA, que engloba ás principais empresas do sector dos áridos no ámbito nacional, desempeña un papel crucial na representación dunha industria estratéxica para o desenvolvemento de infraestruturas, a construción e a sustentabilidade ambiental.

Esta entidade lidera iniciativas en favor da economía circular, a redución de emisións e a integración paisaxística das explotacións, promovendo prácticas responsables que fortalecen o seu compromiso co medio ambiente e a sociedade.

No seu labor internacional, a FdA traballa da man da UEPG para garantir que as políticas europeas favorezan a competitividade e sustentabilidade do sector. A participación neste organismo permite á industria española estar aliñada coas normativas comunitarias, anticipar retos globais e reforzar o seu peso no mercado europeo.

No ámbito galego, Novoa colaborou estreitamente con ARIGAL, a Asociación Galega de Áridos, da que é presidente, que agrupa ás principais empresas do sector na comunidade. ARIGAL destaca por fomentar a innovación, a formación e a sustentabilidade nas explotacións galegas, consolidando a rexión como un referente en boas prácticas ambientais e eficiencia produtiva.

O novo presidente da FdA agradeceu a confianza depositada nel e subliñou o seu compromiso para continuar fortalecendo a competitividade do sector, promovendo a sustentabilidade e defendendo os intereses das empresas españolas tanto a nivel nacional como no marco europeo. “É unha honra asumir esta responsabilidade nun momento clave para a industria dos áridos, no que a transición ecolóxica e a dixitalización son desafíos que debemos afrontar con decisión“, declarou.