10 Xul A Xunta de Galicia presenta unha liña de axudas para fomentar a economía circular
O goberno galego aprobou recentemente o lanzamento de dúas liñas de axudas para pequenas e medianas empresas (pemes) e autónomos por un total de 7 millóns de euros, que serán convocadas ao longo do mes de xullo. En concreto, segundo explicou en rolda de prensa o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, serán apoiados un total de 300 proxectos a través de dúas convocatorias: unha dedicada á dixitalización e a conectividade por 5,4 millóns, e outra para iniciativas de economía circular, por 1,5 millóns.
En canto ás primeiras, do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), serán axudas a obradoiros e á dixitalización, concretamente para a posta en marcha de proxectos, tanto colectivos como individuais, que implanten solucións de interacción, sistemas de intelixencia artificial e procesos dixitalizados. No caso das axudas á dixitalización, poderán cubrir o 35% dos investimentos materiais e inmateriais para pequenas empresas e o 25% para as medianas, pero poderán alcanzar o 100% nos obradoiros, aínda que cun tope de 25.000 euros.
A segunda liña consiste en subvencións para novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución do consumo de materias primas e o aproveitamento de residuos. Igualmente, serán do 35% do investimento para pequenas compañías e do 25% para as medianas. O límite máximo subvencionable será de 200.000 euros en proxectos colectivos e 75.000 nos individuais.