Cargaderos rande coto wagner

A visita interpretada aos cargadoiros de mineral de Rande organizada pola COMG terá lugar o sábado 3 de agosto

O vindeiro sábado, 3 de agosto, as persoas rexistradas previamente gozarán da excursión gratuíta aos cargadoiros de mineral de Rande e do Coto Wagner, organizada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia.

As prazas para participar na actividade están esgotadas desde o pasado 8 de xuño, cando estaba previsto que se levara a cabo a visita guiada. Debido ás condicións meteorolóxicas e marítimas previstas, e por recomendación da compañía navieira, esta quedou aprazada, mantendo a lista de participantes e de reserva para a nova data.

Esta iniciativa, que se desenvolve no marco da plataforma Minaría Sostible de Galicia, ofrece aos participantes unha oportunidade única para coñecer os cargadoiros de mineral de Rande e do Coto Wagner da man do xeólogo Eduardo Gómez Clavijo, a través dun roteiro en barco de 17 km de ida e volta pola Ría de Vigo, desde o Náutico de Vigo ata a zona da ponte de Rande.

Estas históricas instalacións constitúen unha significativa referencia da arquitectura portuaria do século XX e do seu uso en relación coa minaría, o comercio e a exportación de minerais de Galicia e Castela e León.