28 Nov A Unión Europea de Produtores de Áridos premia á minaría galega
Votorantim Cimentos e Erimsa foron recoñecidos na última edición dos Premios Europeos de Desenvolvemento Sostible da Asociación Europea de Áridos (UEPG) polas prácticas realizadas nas súas explotacións en Galicia.
Por unha parte, dúas canteiras de Erimsa (das catro que ten en Galicia) obtiveron dous galardóns en dúas categorías: a canteira de San Miguel de Castro (A Estrada, A Coruña) en ‘Saúde e seguridade no traballo’ e a de Ordes (A Coruña) en ‘Boas prácticas ambientais’.
A filosofía de Accidentes 0 de Erimsa levouna a obter o primeiro premio en seguridade e saúde laboral grazas ás novas medidas implantadas na Estrada para a erradicación do po de sílice.
Outros dous premios de Desenvolvemento Sostible foron para a empresa Votorantim Cimentos, un deles para a xestión dunha explotación galega, a canteira de Don Isidro, que subministra materias primas á empresa de cemento Oural de Lugo.
O motivo deste recoñecemento é o plan de xestión desenvolvido para a conservación da Cova de Eirós e que se desenvolve en paralelo ao plan de explotación. Este proxecto tamén contempla a restauración da contorna e a mellora dos beneficios xerados a partir biodiversidade e o ecosistema.