
04 Xuñ A OIPE organiza un webinario sobre tecnoloxías de innovación e restauración ambiental para a minería galega
O próximo martes, 17 de xuño, ás 10:00h, vía Zoom, terá lugar o webinario ‘Innovación e restauración ambiental para a Minería Galega: tecnoloxías ambientais para a monitorización e restauración sostible de chans e augas en áreas mineiras‘, organizado pola Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE) da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), co apoio da Xunta de Galicia.
Neste encontro en liña, o terceiro que a OIPE celebra este ano, expertos do centro CRETUS presentarán as últimas innovacións en tecnoloxías ambientais aplicadas á monitorización e restauración sostible de chans e augas en contornas mineiras.
Os principais temas que se abordarán son a monitorización ambiental (chans, augas, sedimentos, rocas, minerais e biomonitorización), os estudos de xeomorfoloxía e restauración de sistemas fluviais, e as estratexias para a restauración de áreas fortemente impactadas pola actividade mineira.
O obxectivo do seminario é identificar puntos de encontro coas necesidades actuais da industria mineira galega, favorecendo a sostibilidade e a innovación no sector.
Para participar, é necesario cubrir o formulario de inscrición. Nos días previos á celebración do webinario, os participantes recibirán a ligazón de acceso por correo electrónico.
Para calquera dúbida ou información adicional, podes contactar a través dos correos electrónicos camaraimpulsa@camaraminera.org ou cmg@camaraminera.org.