06 Ago A OIPE avanza no sector mineiro galego con innovación e financiamento europeo
A Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE), nacida en 2023 por encomenda da Consellería de Economía, Industria e Innovación á Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), continúa co seu traballo para a captación de fondos e coordinación de proxectos no sector mineiro galego. Co obxectivo de prestar servizos, apoio e asesoramento tanto á Administración Pública como ás empresas do sector, a OIPE facilita a captación de diferentes liñas de financiamento europeo no ámbito da I+D+i, dentro do marco da Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia.
Ao longo deste ano 2024 e ata o momento, a OIPE desenvolveu unha serie de actuacións destinadas a impulsar o sector mineiro, a sostibilidade e a innovación, as cales pódense consultar na newsletter mensual dirixida ás empresas e entidades do sector, onde se proporciona información relevante sobre as novidades en materia de financiamento europeo de proxectos e iniciativas de interese.
A interacción con axentes e empresas potenciais é unha parte crucial do traballo da OIPE, o que permite crear oportunidades de colaboración e explorar novas vías de financiamento e innovación. Neste sentido, para identificar as necesidades do sector, elaborouse unha enquisa específica para a industria mineira galega sobre innovación e desenvolvemento tecnolóxico, que se publicará a finais de agosto. Esta enquisa será fundamental para definir as accións futuras e axustar as iniciativas ás necesidades reais das empresas.
A OIPE está a desempeñar un importante papel na asistencia ás empresas para a preparación e presentación de proxectos en convocatorias europeas, especialmente en propostas estratéxicas baixo o CRMA (Critical Raw Materials Act). Para iso, o equipo non só asiste ás entidades na preparación dos proxectos, senón que tamén ofrece apoio técnico e administrativo na xestión dos fondos captados, asegurando que as empresas poidan desenvolver as súas iniciativas con éxito.
Pola súa parte, a base de datos da OIPE, que recolle manifestacións de interese, proxectos en marcha e proxectos finalizados, está en continuo crecemento, facilitando o seguimento e a xestión das iniciativas.
No ámbito da comunicación, a OIPE organizou en xuño o seu primeiro webinar de 2024, no que se abordaron as mellores estratexias para a formación exitosa de consorcios en proxectos europeos, contando cunha excelente acollida. O equipo ten previsto realizar polo menos tres xornadas presenciais e híbridas adicionais con diferentes formatos, como webinars divulgativos, eventos de networking e obradoiros para fomentar o desenvolvemento de proxectos consorciados entre empresas.
A COMG, da man da OIPE, tamén está a participar en proxectos europeos destacados. Un exemplo é o Proxecto SEE BRIDGE, financiado polo programa COSME, no que a COMG colabora da man de FEUGA (Fundación Empresa – Universidade Galega), avaliando as necesidades do sector en sostibilidade, mecanismo CBAM e transición verde e dixital, para deseñar as accións de apoio máis axeitadas. O Proxecto SEE BRIDGE impulsa a capacidade das PEMES, emprendedores e intermediarios de Europa Sudoriental de sectores con uso intensivo de enerxía para emprender iniciativas sostibles en base á cooperación transnacional e intersectorial, contando coa participación de diferentes países, como Italia, Turquía, Eslovenia e Irlanda, da man de entidades como o Immib (Istanbul Mineral and Metals Exporters Association). O proxecto lanzou recientemente a súa Open Call dirixida a PEMES e start-ups da economía social, que poderán beneficiarse de subvencións de entre 4.000 e 8.000 euros para a realización de diferentes actividades propostas.
Outra iniciativa na que a COMG está a participar é o Proxecto PICOBELLO. Cun orzamento de 1.691.608 euros, trátase dun Interreg Europe, que nace co obxectivo de mellorar os instrumentos de política de desenvolvemento rexional a través dun proceso de intercambio de coñecemento cocreativo sobre como as rexións europeas están a implementar os valores do NEB (New European Bauhaus) nas súas estratexias de desenvolvemento. A COMG, da man da Axencia Galega de Innovación, participa compartindo boas prácticas sostibles e experiencias para a reactivación de zonas rurais a través do turismo xeomineiro. O proxecto conta con diferentes partners de entidades procedentes de España, Polonia, Finlandia, Letonia, Grecia e Francia.