24 Xan A OIPE acompaña a empresas no acceso á convocatoria de axudas do PERTE de Descarbonización Industrial
A Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE), un órgano coordinado pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, ofrece acompañamento ás empresas que desexen participar na primeira convocatoria de axudas do PERTE de Descarbonización Industrial correspondente á liña de actuación integral para a descarbonización da industria manufactureira. O prazo de presentación de solicitudes estará comprendido entre o 24 de xaneiro e o 17 de abril de 2024.
Esta convocatoria, en concorrencia non competitiva, está dotada con 1.000 millóns de euros, dos cales a metade se outorgarán en forma de subvención e a outra metade en forma de préstamo. Poderán ser beneficiarias desta liña de axudas as Sociedades Mercantís, tanto estatais como privadas, que realicen unha actividade industrial e executen proxectos que descarbonicen a instalación industrial.
As compañías que se presenten a esta convocatoria poderán facelo individualmente ou en agrupación con outras empresas industriais, empresas provedoras de coñecemento ou empresas de servizos enerxéticos, sempre que contribúan á descarbonización da instalación industrial.
Os ámbitos de actuación desta liña de axudas son:
- Redución de emisións directas da instalación industrial, enfocada á descarbonización de fontes de enexía, á xestión enerxética integral de procesos industriais, á descarbonización por redución de recursos naturais ou á captura, almacenamento e uso de carbono.
- Mellora substancial da eficiencia enerxética polo aforro de enerxía eléctrica.
- Instalacións de enerxías renovables para autoconsumo nos procesos produtivos da instalación industrial.
- I+D+i para impulsar a descarbonización da instalación industrial.
Para máis información sobre a primeira convocatoria do PERTE de Descarbonización Industrial: Ministerio de Industria e Turismo – PERTE Descarbonización Industrial.