A minería galega demanda á Xunta actuacións a favor do sector

  • A Cámara Oficial Mineira de Galicia presentou na Consellería de Economía e Industria un ambicioso plan de mellora en diversos campos, que representaría un investimento de case un millón de euros
  • Os obxectivos deste conxunto de medidas son garantir a compatibilidade da actividade co medio natural, mellorar a seguridade dos traballadores e reforzar a imaxe social da minería

 

A Cámara Oficial Mineira de Galicia acaba de presentarlle á Xunta unha ampla proposta de proxectos en favor da minería galega para desenvolver ao longo do próximo ano. Trátase dun ambicioso plan con actuacións que inciden no medio natural, na divulgación, na seguridade e a saúde, na axilización das tramitacións e na mellora dos recursos. O investimento estimado para o desenvolvemento destas medidas sumaría preto dun millón de euros, cantidade que revertería na promoción dun sector tradicional que supón en Galicia 6.770 empregos directos, segundo os últimos datos, de 2013.
Coa presentación destas demandas, a Cámara Oficial Mineira de Galicia busca unir esforzos coa Administración para darlles resposta a diversas necesidades detectadas no sector, á vez que se avanza na promoción e o mellor coñecemento da minería por parte da sociedade galega.
MEDIO NATURAL
Boa parte das medidas céntranse no medio natural. Nesta liña, a Cámara propón facer un seguimento do impacto ambiental do sector e a xestión dos residuos das industrias extractivas, coa elaboración dun inventario de instalacións de refugallos. Trataríase así de minimizar os riscos para as persoas e o medio. A exploración de fórmulas que permitan diminuír o impacto económico das garantías financeiras é outra das propostas presentadas ante a Xunta.
A entidade cameral aposta tamén pola posta en valor dos casos de éxito na rehabilitación ambiental de explotacións mineiras galegas, coa recompilación de datos e imaxes para ser divulgados.
A xeración nos espazos mineiros de hábitats favorables para a cría e asentamento de diversas especies de aves levou á Cámara para propoñer a creación de postos de observación nas canteiras galegas. Deste xeito póñense en valor a rehabilitación ambiental destas minas e a compatibilización do sector co medio, facilitando aos afeccionados á ornitoloxía un acceso seguro e controlado.
MINERÍA SUSTENTABLE
Por outra banda, a Cámara demanda a posta en marcha de medidas transversais, que inciden na divulgación do sector mineiro galego e na transferencia do coñecemento. Nesta liña, fai falta sinalar a dixitalización de documentación científica e a proposta de creación dunha plataforma, formada por distintos axentes do ámbito científico e empresarial, destinada a optimizar o aproveitamento dos nosos recursos maximizando o beneficio social, a compatibilidade ambiental, a integración territorial, a seguridade laboral e o prestixio social do sector.
A realización dunha estratexia de comunicación conxunta do sector, que inclúe un programa de divulgación específico para nenos e actuacións en conmemoración do trixésimo aniversario da morte de Isidro Parga Pondal, son outras das accións de fomento da minería nas que a Cámara demanda o apoio da Xunta.
Tamén se pide configurar un Observatorio Socio-Económico da Minería, que permitiría incrementar o coñecemento do sector e o seu impacto económico nos lugares nos que se desenvolve, así como implantar un servizo de asesoramento aos concellos como vía para favorecer a integración territorial e urbanística do sector e facilitar o seu labor. Por outra banda, no campo da seguridade e a saúde, proponse a creación dunha estrutura preventiva especializada, que permitiría a súa adecuación ás características do sector, coa mellora das accións preventivas e a detección de necesidades formativas, entre outras vantaxes.
AXILIZAR AS TRAMITACIÓNS
Para axilizar as tramitacións e simplificar a elaboración dos documentos requiridos anualmente pola Administración mineira, demándase a posta en marcha dunha ferramenta dixital que favoreza a integración nunha única plataforma da documentación anual que deben presentar as empresas mineiras, incluído o plan de labores, a actualización do documento de seguridade e saúde, ou a comunicación de accidentes entre outros. Segundo a cámara, isto melloraría a xestión preventiva e facilitaría o cumprimento dos requirimentos legais.