A ETSE de Minas de Vigo e o canteiro vigués José González Araújo, Premios Santa Bárbara 2014

A Cámara Oficial Mineira de Galicia entregou o xoves 4 de decembro os Premios Santa Bárbara 2014, que nesta oitava edición recaeron na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Minas da Universidade de Vigo e no canteiro vigués José González Araújo. O director da ETSE de Minas, José Benito Vázquez Dorrío, e José González Araújo recolleron os galardóns nas modalidades Comunicación e Traxectoria, respectivamente, no transcurso da celebración por parte do sector mineiro galego da súa patroa.
O presidente da Cámara, Juan de Deus Martín Aparicio, abriu o acto de entrega cun discurso no que destacou o labor da entidade que preside para conseguir que a minaría “sexa cada día un motor máis importante do tecido produtivo deste país, que cre traballo e prosperidade para todos, facéndolle comprender á sociedade a necesidade desta industria milenaria, que ao longo do tempo foi evolucionando, chegando ao día de hoxe cunhas técnicas totalmente compatibles co medio natural, e a facer posible extraer os minerais que no subsolo da nai Terra existen e tanto precisamos”. Martín Aparicio destacou “a sorte de que a natureza nos dotase dunha riqueza mineral importante en Galicia, que estamos obrigados a non desaproveitar polo benestar de toda a sociedade”.
Posteriormente, o secretario da Cámara, Diego López, leu a acta do xurado, composto por representantes da Cámara Oficial Mineira de Galicia e da Administración mineira, cos méritos de cada un dos galardoados. A continuación, o presidente e a subdirectora de Recursos Minerais, María José Mijares, entregaron as figuras de Santa Bárbara elaboradas por Sargadelos e os diplomas acreditativos a José González Araújo e José Benito Vázquez Dorrío, respectivamente.
VIDA DEDICADA AO GRANITO
Os sesenta anos de experiencia e dedicación de José González Araújo no subsector granitero de Galicia levaron á súa elección como merecedor do premio Traxectoria. De familia de mestres canteiros, González Araújo comezou a traballar en 1947, con 14 anos, na empresa viguesa Pedras e Mármores, de Octavio Ramilo. Denominada logo Ramilo S.A, o hoxe galardoado permaneceu na empresa durante 49 anos, nos que chegou a desenvolver labores de director-xerente. Deixa a empresa por vontade propia para ocupar o cargo de xerente da Asociación de Canteiras de Galicia, desde a súa creación, en 1997, ata 2007.
Durante varios anos estivo á fronte da sociedade Porriñesa de Canteiras (POCASA), que aglutina moitas das canteiras do Porriño. Fai falta destacar tamén o seu labor como presidente da Asociación de Empresarios de Canteiras e Rocas Ornamentais de Pontevedra e membro da xunta directiva da Federación Española da Pedra Natural. Ademais, en 2010 publicou o libro O granito de Galicia e a súa historia, que recolle a súa experiencia neste subsector e a evolución e fitos dos graniteiros do Porriño.
LABOR DIVULGATIVO
Pola súa banda, a ETSE de Minas mereceu o premio Comunicación polo labor divulgativo desenvolto durante anos con motivo da Semana da Ciencia. Durante este evento, a Escola organiza diversas actividades a favor do achegamento da sociedade ao traballo desenvolto polos profesionais da enxeñería de Minas. Só na última edición da Semana da Ciencia, máis de 1.200 persoas coñeceron o aproveitamento sustentable dos recursos minerais e enerxéticos que realizan os titulados da Escola a favor do benestar social.
A exitosa iniciativa permítelles aos asistentes afondar de maneira activa no labor da ETSE, a través de espazos divulgativos e de aprendizaxe instalados no centro, á vez que toman conciencia da relevancia de minaríaa para a poboación. Ademais, neste ano, como prolongación do evento, a ETSE mesmo creou unha aplicación denominada “A carreira con máis recursos”, co obxectivo de promover os recursos naturais.