21 Nov A directora da COMG inaugura unha xornada centrada na xestión sostible das augas mineromedicinais
O mércores 20 de novembro, a Asociación Galega da Propiedade Balnearia, en colaboración coa Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, celebrou unha xornada centrada na conservación e xestión sostible das augas mineromedicinais na comunidade.
A directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), Arantxa Prado, participou na inauguración do encontro, celebrado no Balneario de Compostela (Brión), no que tamén interviñeron a presidenta da Asociación Galega da Propiedade Balnearia, Soledad Espiño, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila.
Na súa intervención, a directora da COMG lembrou a importancia das augas mineromedicinais para o desenvolvemento social e económico de Galicia, como parte da riqueza xeolóxica da comunidade. Tamén fixo fincapé na defensa dos perímetros de protección, así como na vixilancia e control das actividades que neles desenvólvense, e destacou a xestión levada a cabo polas empresas do sector para velar pola calidade do recurso e realizar un aproveitamento sostible coa contorna.
A xornada continuou coa celebración de tres conferencias, centradas no contexto actual e os antecedentes históricos das augas mineromedicinais e termais en Galicia, os seus perímetros de protección e a xestión sostible dos acuíferos; e unha mesa redonda, moderada polo xerente da Asociación Galega da Propiedade Balnearia, Benigno Amor, na que participaron representantes do sector mineiro, académicos e da administración.