
29 Mai A COMG participa nun foro de debate sobre o papel dos recursos naturais na reactivación económica de Galicia
O xoves 29 de maio, o Círculo de Empresarios de Galicia acolleu a xornada ‘Minaría, industria e progreso: os recursos naturais como motor da economía galega’, organizada por Cobre San Rafael, empresa membro da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), en colaboración coa Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME). O evento consistiu nun foro de debate ao redor do papel estratéxico dos recursos naturais na reactivación económica e na transición ecolóxica de Galicia, ao que asistiron representantes do tecido institucional, empresarial e técnico da comunidade.
Durante o encontro, celebrouse a mesa redonda ‘A reindustrialización de Galicia a partir do aproveitamento dos recursos naturais’, que contou coa participación de Carlos Martínez, director de Minería de Recursos de Galicia e membro da Xunta Directiva da COMG; Olalla Cuiña, vicepresidenta de Metaldeza; Enrique Mallón, secretario xeral de ASIME; e Fernando Riopa, director xeral de Cobre San Rafael. A charla estivo moderada por Jennifer González, directora de Relacións Institucionais e Comercio Exterior de ASIME.
Ao longo da conversación, os relatores abordaron temas como a brecha existente entre o que produce hoxe a minaría galega e as necesidades da industria local transformadora, a importancia de integrar tecnoloxía e eficiencia na cadea de valor, ou os principais obstáculos que dificultan o crecemento industrial, como a burocracia, o custo da enerxía ou a escaseza de man de obra cualificada.
A mesa tamén deu pé á reflexión sobre a percepción social da industria e a minaría, e a necesidade de construír un relato compartido que poña en valor o seu impacto real e positivo no territorio. Neste sentido, Carlos Martínez sinalou que “precisamos derrubar os prexuízos sobre a minaría moderna e dar a coñecer con transparencia os avances en sostibilidade, innovación e compromiso co territorio”.