Encontros polo centenario da comg_galicia en pedra arte e oficio

A COMG organiza un encontro para reflexionar sobre o valor artístico da pedra natural e a evolución do oficio da cantaría

A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) pon en marcha, como parte dos actos conmemorativos do seu Centenario, unha iniciativa para crear espazos de diálogo sobre o pasado, presente e futuro de Galicia. Os ‘Encontros polo Centenario da COMG’ buscan poñer en valor o talento e liderado presentes en Galicia, especialmente en ámbitos relacionados cos recursos minerais; e plasmar a riqueza do territorio galego, conectando tradición e innovación, patrimonio e industria, cultura e investigación. Todo iso no contexto da celebración dun importante fito para a Cámara: os cen anos da súa fundación.

O encontro ‘Galicia en pedra: arte e oficio’ será o punto de partida desta iniciativa. A xornada terá lugar o xoves 5 de xuño, entre as 10:00h. e as 11:30h., no marco da feira STONEGAL (Instituto Feiral de Vigo – IFEVI). Entre os relatores que participarán no encontro están Iria Ribadomar, pintora, debuxante e deseñadora; Adrián Otero, mestre canteiro e docente do CIFP de Cantería de Galicia; e Fernando Godoy, xerente do Grupo Godoy Maceira. Pola súa banda, a investigadora e experta en deseño Marisa Santamaría, fundadora de Global Design and Innovation Trend Unit, será a encargada de moderar a conversación.

Coa celebración deste encontro, a Cámara busca ofrecer a todos os asistentes unha oportunidade para reflexionar en torno ao valor cultural, artístico e identitario da pedra natural galega desde unha dobre perspectiva: as súas posibilidades como motor creativo en disciplinas como a arte, o deseño e a comunicación visual, e a súa proxección cara ao futuro a través da evolución do oficio da cantaría.