05 Ago A COMG e Balnearios reúnense coa Conselleria de Industria para valorar a Lei de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia
O presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia ( COMG), Juan de Deus Martín e o director de COMG, Diego López, xunto con representantes da Asociación de Balnearios de Galicia reuníronse esta mañá en San Caetano co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, para abordar os puntos principais do proxecto de Lei de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, que comeza agora a súa tramitación parlamentaria.
O pasado xoves 1 de agosto, o Consello da Xunta de Galicia confirmaba a remisión ao Parlamento de Galicia do proxecto de Lei de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia para protexer e impulsar este recurso estratéxico para a nosa Comunidade.
Coa nova lei, a Xunta de Galicia pretende velar pola salubridade e hixiene dos aproveitamentos turísticos das augas termais; garantir a sustentabilidade ambiental, mediante unha explotación racional que preserve o medio ambiente e o acuífero, tanto en termos de calidade como de cantidade; protexer a súa integridade como recurso natural, patrimonial e turístico, e promover o desenvolvemento económico e social das poboacións onde xorden augas termais.
Galicia é a maior potencia termal de España con 300 captacións de augas mineromedicinales, 21 balnearios ademais de talasos –con máis de 3.000 prazas hostaleiras, o que representa o 20% da oferta nacional– e recibe anualmente preto de 150.000 usuarios. Ademais, 7 dos 33 balnearios de España coa Q de Calidade Turística son galegos.