Reunion xunta aranceles

A COMG asiste a unha reunión para avaliar o impacto da nova política arancelaria de EE. UU. sobre a industria galega

A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), como representante do sector industrial dos recursos minerais na comunidade, asistiu a unha reunión, convocada pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, para avaliar o impacto da nova política arancelaria anunciada polo presidente de Estados Unidos sobre os principais sectores da industria galega, escoitar as súas inquedanzas e anunciar as medidas que se poñerán en marcha para minimizar o impacto do conflito arancelario.

No encontro, ademais da conselleira de Economía e Industria, estiveron presentes os conselleiros de Mar, Facenda e Administración Pública, e Medio Rural; así como representantes dunha vintena de asociacións e clústeres. Por parte da COMG, asistiron a presidenta, Cecilia Trancón, e a directora, Arantxa Prado.

No tocante ao sector mineiro, calcúlase que as novas medidas anunciadas por EE. UU. afectan a exportacións por valor duns 90 millóns de euros anuais. A pedra ornamental é o subsector máis afectado, xa que concentra ao redor do 50% destas vendas ao exterior. Tanto a COMG, como o Clúster da Pizarra, o Clúster do Granito e a Asociación Galega de Áridos (ARIGAL), trasladaron a súa preocupación polas consecuencias para a industria extractiva, tanto directas como indirectas, da actual guerra comercial.