
25 Feb A COMG, ARIGAL e DST Group subscriben un acordo para fortalecer a cooperación técnico-científica
O venres 21 de febreiro, tivo lugar a presentación do ‘Programa Canteira’ da ‘Escola DST’, impulsada por DST Group, unha destacada empresa portuguesa no sector da enxeñaría e a construción, en colaboración co FP Dual de Técnico de Escavacións e Sondaxes. O obxectivo da iniciativa é fomentar o intercambio de coñecemento e promover as mellores prácticas industriais no sector.
Por parte da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), acudiron ao acto a vicepresidenta primeira, Mónica Rodríguez, e a directora, Arantxa Prado. Por parte da Asociación Galega de Áridos (ARIGAL), entidade membro da Cámara, estiveron presentes o presidente, Alberto Novoa, e o director, Aitor Puente.
Durante a visita, as tres entidades exploraron a posibilidade de asinar un convenio de colaboración que reflicta o seu interese por reforzar a cooperación científico-técnica e a participación conxunta en proxectos e actividades de sustentabilidade e I+D+i.
A COMG, a través da Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE), xa colabora con DST na exploración de oportunidades de financiamento europeo co obxectivo de fomentar a innovación, a investigación e a implementación de solucións vangardistas que impulsen o progreso tecnolóxico e científico en beneficio da sociedade.