Congreso sedpgym 2025

A COMG apoiará o congreso anual da SEDPGYM de 2025, que se celebrará en Galicia por primeira vez na súa historia

En 2025, a Sociedade Española para a Defensa do Patrimonio Xeolóxico e Mineiro (SEDPGYM) celebra o seu 30 Aniversario. A actividade máis representativa da asociación ao longo destas tres décadas é o seu encontro anual. Este ano, por primeira vez na súa historia, o congreso da SEDPGYM terá lugar en Galicia, co apoio fundamental da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG). A elección da nosa comunidade está motivada pola súa longa tradición mineira. O evento celebrarase nas instalacións do Concello de Parada de Sil (Ourense), entre o 2 e o 5 de outubro.

Nesta ocasión, os asistentes poderán gozar da contorna inigualable da Ribeira Sacra, unha zona rodeada de minaría romana de estaño e ouro; con impresionantes e pouco coñecidas minas romanas en primario e secundario; cunha zona moi próxima de minaría de ferro, de idades comprendidas entre a prehistoria e mediados do século XX; e moi preto da primeira central hidroeléctrica da zona, construída para abastecer ás minas de ferro de O Freixo.

Os lugares escollidos para o desenvolvemento dos eventos da SEDPGYM están intimamente ligados á actividade mineira, tanto pasada como actual. En cada convocatoria congréganse numerosos investigadores procedentes de distintos puntos da xeografía española e outras partes de Europa e Latinoamérica.

O congreso busca reunir aos profesionais especializados nas diferentes temáticas expostas, para profundar no coñecemento, así como sensibilizar á opinión pública e establecer estratexias de futuro para recuperar as raíces mineiras, fomentando a salvagarda dun rico patrimonio xeolóxico, mineiro e histórico. Os traballos que se presenten versarán sobre distintos aspectos relacionados coa investigación, xestión, conservación e divulgación da historia da minaría.