
26 Mar A Cámara Oficial Mineira de Galicia pon en valor a importancia da elección do proxecto Mina Doade como estratéxico para a Unión Europea
- Mina Doade é o único proxecto mineiro galego seleccionado pola institución para impulsar as capacidades estratéxicas europeas na subministración de materias primas.
- A iniciativa, impulsada por Recursos Minerales de Galicia, S.A., empresa membro da Cámara Oficial Mineira de Galicia e filial do Grupo Samca, ten como roca obxectivo a pegmatita, rica en minerais de litio.
- Como representante do sector mineiro en Galicia, a COMG resalta a importancia desta decisión para impulsar o liderado da comunidade na extracción e procesamento de materias primas críticas.
A Coruña, 26 de marzo de 2025.– A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), como representante da minaría na comunidade, pon en valor a importancia da elección do proxecto Mina Doade como estratéxico para a Unión Europea. Este é a única iniciativa galega, dun total de 47, seleccionada pola Comisión Europea para impulsar as capacidades estratéxicas europeas na subministración de materias primas.
Mina Doade é un proxecto impulsado por Recursos Minerales de Galicia, S.A., empresa membro da COMG e filial do Grupo Samca, que contempla a construción dunha mina subterránea e unha planta de tratamento de minerais en Doade-Beariz (Ourense). A roca obxectivo é a pegmatita, rica en minerais de litio, un metal necesario para a descarbonización da economía europea, da que se obterán, ademais, concentrados de moscovita e feldespatos para a industria cerámica. A presentación do proxecto á convocatoria Critical Raw Materials Act (CRMA) levouse a cabo en 2024 co recoñecemento da COMG e o apoio da Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE).
A decisión de declarar o proxecto como estratéxico, comunicada recentemente pola institución europea, permitirá impulsar o liderado galego na extracción e procesamento de materias primas críticas. Tamén supón un recoñecemento á riqueza xeolóxica da comunidade e ao seu potencial para axudar a Europa a afrontar o reto da transición enerxética.
Os proxectos seleccionados contarán co apoio coordinado da Comisión Europea, os Estados membros e as institucións financeiras para ser operativos, en particular no que respecta ao acceso a financiamento. Tamén se beneficiarán de disposicións simplificadas no proceso de concesión de permisos, que non excederá de 27 meses para os proxectos de extracción e de 15 meses para outros proxectos, salvagardando ao mesmo tempo as normas ambientais, sociais e de gobernanza.
Sobre a Cámara Oficial Mineira de Galicia
A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) é un órgano consultivo que representa ao sector industrial dos recursos minerais en Galicia. Reúne nunha mesma entidade os intereses públicos e privados para conseguir o mellor aproveitamento dos recursos xeolóxicos e maximizar o seu beneficio para a sociedade. Está formada por todas as persoas físicas ou xurídicas que realizan actividades destinadas á investigación e o aproveitamento dos recursos xeolóxicos, calquera que sexa a súa orixe ou estado físico, desde o seu coñecemento ata a súa posta en valor.