05 Ago A Cámara Mineira realizou o primeiro roteiro guiado de Patrimonio Xeomineiro de Galicia de 2024
O pasado sábado, 3 de agosto, a Cámara Oficial Mineira de Galicia organizou o primeiro roteiro guiado de Patrimonio Xeomineiro de Galicia previsto para 2024, unha iniciativa impulsada pola plataforma Minaría Sostible de Galicia. O lugar escollido para a visita foron os cargadoiros de mineral de Rande e do Coto Wagner, situados na Ría de Vigo. O roteiro realizouse por vía marítima para asegurar a correcta visibilidade das históricas instalacións, cubertas pola vexetación.
Á actividade asistiron 53 persoas, o límite de aforo que permitía o barco, entre elas o director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila. Tras percorrer 9 millas en barco, desde o Náutico de Vigo ata a zona da ponte de Rande, os participantes desembarcaron para para visitar o Museo de Meirande e, posteriormente, foron camiñando ata un dos cargadoiros.
A COMG está a organizar o próximo roteiro guiado de Patrimonio Mineiro de Galicia. Nas próximas semanas, publicarase toda a información sobre a actividade e abriranse as inscricións para participar.