29 Xan A USC presenta unha guía didáctica sobre as funcións terapéuticas das augas termais galegas
A Universidade de Santiago presentou o 29 de xaneiro unha guía didáctica impulsada pola Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia que informará aos estudantes galegos de 6º de primaria e 1º da ESO sobre as distintas utilidades que ofrecen as augas termais galegas en canto a tratamentos de numerosas patoloxías crónicas, ademais de proporcionar datos sobre a riqueza mineiro-medicinal existente en Galicia.
O obxectivo deste proxecto, ademais de amosar as diferentes opcións que ofrecen as fontes termais galegas en materia de cura de enfermidades, tamén pretende profundizar na investigación e na difusión do “potencial térmico” galego da comunidade. Con esta guía preténdese axudar ao profesorado e achegar o alumnado dos últimos cursos de primaria e primeiros da ESO de toda Galicia ao coñecemento da importancia da auga para a vida e, en especial, das augas mineromedicinais e as súas aplicacións na promoción da saúde, no tratamento das enfermidades e mesmo na procura do benestar.
A presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño, afirmou que as augas termais galegas forman “un patrimonio de gran valor para o desenvolvemento socioeconómico das rexións onde se atopa o recurso”. Así, Galicia é “unha das rexións máis ricas de Europa en augas mineromedicinais”, xa que conta con “sete dos oito tipos que existen”.
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, dixo que a iniciativa proporciona ferramentas para transmitir o respecto a un recurso “limitado e fráxil” como as augas mineromedicinais que, engadiu, “configuran” a “historia e riqueza” de Galicia.
Na presentación tamén participaron Juan Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnerarios Galicia (promotora da iniciativa), e Lorena Casal, profesora do Grupo de Investigación en Tecnoloxía Educativa da USC e autora do proxecto. Ambos destacaron a importancia das augas termais galegas en termos de curación de enfermidades.
Todos os colexios galegos, públicos e privados, terán o privilexio de contar con esta guía que estará a disposición do público e que poderá consultarse en formato PDF co fin de facilitar o acceso a calquera persoa interesada en ampliar os seus coñecementos sobre este recurso.