07 Mar O Colexio de Geólogos súmase á Cámara Oficial Mineira
O Ilustre Colexio Oficial de Geólogos ( ICOG), presidido por Luís Eugenio Suárez Ordóñez, vén de confirmar a súa incorporación como membro da Cámara Oficial Mineira de Galicia ( COMG), co obxectivo de axudar á consecución dunha minería sustentable en Galicia, a través da súa participación no ente cameral.
O ICOG convértese así en membro activo da Cámara, sumándose ao seu labor a favor dun sector mineiro galego ambientalmente compatible, socialmente responsable, laboralmente seguro e economicamente rendible. A contribución imprescindible dos geólogos ao desenvolvemento das actividades mineiras levou ao organismo que preside Juan de Deus Martín Aparicio a propoñerlle ao ICOG a súa incorporación á entidade cameral.
A colaboración coa Cámara terá lugar a través da delegación que o ICOG ten na comunidade galega, con sede no Instituto Universitario de Xeoloxía (Universidade da Coruña). Esta participación representa un fito que, en opinión de ambas as partes, “redundará en beneficio do sector mineiro e, por tanto, dos geólogos colexiados”.
IMPLICACIÓN E COMPROMISO
Para a Cámara, “o futuro do sector mineiro galego pasa pola implicación e compromiso de todos os axentes que compoñen a comunidade mineira na consecución dunha minería sustentable”. Con este convencemento, a entidade desexa integrar os colectivos que forman o sector mineiro, entre os que destacan os colexios que representan os profesionais vinculados á minería, como é o caso dos xeólogos.
O obxectivo é potenciar a unión de esforzos a favor da minería sustentable e do achegamento do sector mineiro á sociedade, cun mellor coñecemento do que representa a actividade extractiva para o benestar social e a economía de Galicia. Así, a Cámara destaca a relevancia dos recursos minerais e a súa posta en valor en Galicia para o desenvolvemento socioeconómico, xa que proporcionan as materias primas necesarias para os procesos produtivos, enerxéticos e construtivos.