Presentadas alegacións do sector mineiro ao Plan de Xestión do Risco de Inundación DH Galicia Cos

A Cámara Oficial Mineira de Galicia presentou as alegacións do sector ao Plan de Xestión do Risco de Inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa (ciclo 2015-2021) e Estudo Ambiental Estratéxico, nas que demanda respecto polos dereitos mineiros e solicita a consulta preceptiva do Rexistro Mineiro de Galicia. A entidade cameral tamén ofrece a súa colaboración para favorecer a compatibilidade entre a xestión e uso de dous recursos tan importantes como a auga superficial e os recursos xeolóxicos.

Nas súas propostas de mellora ao documento, a COMG sinala a necesidade de ter en conta a lexislación mineira e esixe a coordinación entre as administracións competentes en augas superficiais e minaría. Así, pide a inclusión tanto da Administración mineira como da Cámara entre as entidades coas que subscribir convenios de colaboración, tal e como prevé a medida 13.01.01 do Plan, na que ademais se abordan as limitacións aos usos do chan na zona inundable.

CENSO CATRASTRAL MINEIRO

Con respecto ás accións enmarcadas nesta medida, tamén solicita a incorporación do Censo Catastral Mineiro de Galicia entre os visores cartográficos para coordinar a información de inundación. Insiste ademais na esixencia legal de analizar individualmente e motivar as restricións sobre as actividades mineiras.

Para a entidade cameral, fai falta valorar sempre a compatibilidade dos distintos usos e, só no caso de incompatibilidade, determinar a prevalencia. Neste sentido, reivindica o carácter de ben de interese público do recurso mineiro e o feito de que a súa explotación sexa obxecto dunha concesión ou autorización administrativa.