08 Feb O INS publica a guía para o control do risco por exposición a SRC
O Instituto Nacional de Silicose ( INS) acaba de publicar a Guía para o control do risco por exposición a Sílice Cristalina Respirable ( SRC), que xa está a disposición dos membros da Cámara Oficial Mineira de Galicia na súa biblioteca. A publicación, que proximamente estará dispoñible ao público a través da web do instituto (www.ins.es), ten como obxectivo axudar aos empresarios, aos servizos de prevención e ás autoridades mineiras no seu labor de control do risco por exposición a po e SRC.
Segundo sinalan desde o INS, a guía está orientada fundamentalmente a actividades extractivas de exterior suxeitas á ITC 02.0.02 do RGNBSM, aínda que unha parte importante do seu contido é aplicable a todo tipo de minería. Destacan tamén a súa articulación seguindo o índice do Documento sobre Seguridade e Saúde ( ITC MIE- SM 02.1.01), de modo que resultará de aplicación para configurar o informe que debe acompañar ao plan de labores.
A publicación nútrese da experiencia recollida en visitas e estudos realizados polo Departamento Técnico do INS desde as súas orixes, así como da actualización do coñecemento adquirido en diversos proxectos de investigación.