MINERAIS INDUSTRIAIS
MINERAIS INDUSTRIAIS
Os minerais industriais explótanse para para aproveitar algún dos seus elementos químicos. En Galicia, entre os minerais industriais, extráese cuarzo, para a industria metalúrxica do silicio e tamén para áridos; caolín, para as industrias cerámica e papeleira; feldespatos, para a industria cerámica; magnesita, para a corrección de chans e alimentación animal; e turba, para agricultura, horticultura e floricultura.
Outros recursos de minerais industriais existentes en Galicia son os denominados silicoaluminosos (andalucita, cianita e silimanita), litio, barita, asbesto, circón, granates e minerais de terras raras.
O ritmo de produción actual dos distintos minerais industriais, en relación coas reservas clasificadas como seguras segundo fontes dos produtores, indica que, en xeral, os recursos son suficientes para o mantemento das producións a medio e longo prazo.
Os usos do caolín están orientados principalmente á industria do papel e a cerámica fina para o mercado nacional e internacional. Ademais, como subproduto, extráense mica e areas de cuarzo. Case a totalidade desta industria está situada nas provincias da Coruña e Lugo.
Galicia é a principal produtora de cuarzo para usos metalúrxicos de España e a súa explotación desenvolveuse en dous tipos de xacementos. Por unha parte, xacementos aluvionares, que se encontran nas provincias da Coruña e Lugo, e diques de cuarzo, localizados en todas as provincias de Galicia.
Na actualidade, a práctica totalidade da produción de feldespatos obtense na provincia de Lugo. De feito, na zona da Mariña Lucense prodúcese o 10 % do feldespato de España. O resto de partidas deste mineral procede da provincia de Ourense.
Toda a actividade de extracción de magnesita en Galicia desenvolveuse en Lugo, no municipio do Incio, e a única explotación activa na actualidade atópase ao sur da localidade de Sarria.
A produción anual da turba en Galicia sitúase arredor das 7000 toneladas e procede da única explotación existente en Galicia (Turbera del Gistral), enmarcada na serra do Buio, en Lugo. Esta turba comercialízase en España e Portugal, e proporciónalle ao solo unha mellor estrutura e materia orgánica. Tamén pode utilizarse para a depuración de augas residuais en poboacións non moi populosas, cun baixo custo e unha fácil implantación.