A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) presentou a evolución e o crecemento do Catálogo de Recursos Naturais de Galicia dispoñible na Materioteca de Galicia, nunha xornada celebrada no CIS Ferrol (A Cabana).
A xornada comezou coa benvida da presidenta da COMG, Cecilia Trancón, e, a continuación, a técnica da COMG, Irene Pérez, presentou a actualización do inventario, que suma 65 novos produtos minerais galegos con ficha técnica propia e incorpora mostras físicas de 36 deles (como a mica, o magal ou a lousa rectangular verde). Con esta ampliación, o catálogo acada xa os 190 produtos documentados.

Durante o bloque dedicado a proxectos, aplicacións industriais e oportunidades de innovación, presentáronse casos reais de empresas vinculadas á Materioteca como Pasek Minerales e Áridos do Mendo, galardoadas este ano co Premio de Desenvolvemento Sostible da Fundación Minería y Vida, que incluíron os seus estériles coa finalidade de revalorizalos e darlles unha segunda vida.
A clausura contou coa participación do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, quen destacou o valor desta ferramenta e a súa utilidade para reducir dependencias, fortalecer as cadeas de subministración, abrir oportunidades para a industria e xerar máis valor en Galicia.
O convenio tamén recolle o impulso de accións como a análise de novos usos para produtos e subprodutos minerais galegos, a actualización do mapa de recursos e a incorporación dunha sección específica dedicada aos minerais estratéxicos.
A Materioteca de Galicia, situada no CIS Ferrol, actúa como espazo de difusión, exposición e arquivo de materiais innovadores e sostibles, permitindo consultar os produtos documentados e apoiar novas aplicacións industriais vinculadas aos recursos minerais galegos. Tanto o catálogo como a Materioteca son ferramentas fundamentais para mellorar o coñecemento dos recursos de Galicia, achegalos ao tecido industrial e avanzar en innovación e valor engadido desde o territorio.

