A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) informa da celebración da I Semana de Xeoloxía de Laxe, unha iniciativa divulgativa prevista para os días 18 e 19 de setembro no Museo do Mar de Laxe. O encontro busca achegar ao público a historia e os avances no coñecemento da xeoloxía e da minería en Galicia, poñendo en valor o papel de Laxe como lugar de referencia para a investigación xeolóxica.

Esta primeira edición pretende recuperar o espírito das antigas reunións de xeoloxía do noroeste peninsular celebradas en Laxe entre 1965 e 1969, baixo a dirección de Isidro Parga Pondal. Neste marco, o programa oriéntase a divulgar, cun enfoque accesible, como se foi construíndo o coñecemento científico do territorio e cal é a súa relación cos recursos minerais e co patrimonio asociado.

As xornadas contarán coa participación de catro especialistas, que abordarán distintos ámbitos vinculados á xeoloxía galega. Pablo Núñez centrará a súa intervención na minería na Costa da Morte, con especial atención aos seus recursos, conflitos e patrimonio. Pola súa parte, José Ignacio Gil Ibarguchi explicará a orixe e a evolución das rochas da comarca, desde a Orogenia Varisca e os procesos de subdución.

O programa inclúe tamén a intervención de Manuel Regueiro, que repasará o traballo do IGME en Galicia e os antecedentes dos estudos de Guillermo Schulz e Parga Pondal. Finalmente, Juan Ramón Vidal Romaní analizará a evolución da costa durante os últimos 150.000 anos, amosando como o nivel e a posición do mar cambiaron ata acadar a configuración actual.

A iniciativa está promovida pola Asociación Cultural Xeolóxica, que convida á cidadanía a participar nestas primeiras xornadas, concibidas como un espazo de divulgación e encontro arredor do coñecemento do territorio.