A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) estivo presente na V Xornada sobre Hidróxeno Verde en Galicia (H2GAL), celebrada no CIS de Ferrol e organizada por Cluergal coa colaboración da Xunta de Galicia. En representación da entidade, asistiu a súa directora, Arantxa Prado, a un encontro que reuniu administración, empresas e centros tecnolóxicos para analizar o papel do hidróxeno renovable na transición enerxética.
O hidróxeno verde, producido mediante electrólise da auga con electricidade procedente de fontes renovables, perfílase como un dos grandes vectores enerxéticos cara a unha economía descarbonizada. A súa capacidade para almacenar enerxía limpa e para contribuír á descarbonización de sectores difíciles de electrificar, como a gran industria, o transporte de longa distancia ou determinados procesos térmicos, convérteo nun elemento clave para avanzar nos obxectivos climáticos e reforzar a seguridade e a autonomía enerxética.
Durante a xornada abordáronse, entre outros aspectos, a situación e perspectivas do hidróxeno a nivel global e en España, os mercados do hidróxeno e os seus derivados, e distintas oportunidades industriais, incluíndo a produción offshore e o despregamento de tecnoloxías “do laboratorio á escala industrial”. No acto, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou que Galicia reúne as condicións, o talento e a determinación para liderar a revolución do hidróxeno verde no sur de Europa, subliñando a necesidade dun marco normativo áxil e da implicación de centros tecnolóxicos, universidades e empresas para que o valor engadido desta nova economía quede en Galicia.

