A Consellería de Economía e Industria publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) nº 138 a Orde do 14 de xullo de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2026 subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a empresas privadas para fomentar a sostibilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia.
O obxectivo destas axudas é fomentar e incentivar a sostibilidade nas súas dimensións económica, social e ambiental, promovendo actuacións orientadas á protección ambiental, a mellora das condicións laborais en materia de seguridade e saúde, a eficiencia enerxética e a implantación de sistemas de xestión mineira sostible.
A convocatoria conta cun orzamento total de 2.507.869,00 euros, distribuído en cinco liñas de actuación, establecidas na propia orde.
As subvencións diríxense a empresas que desenvolvan a súa actividade no ámbito da minería en Galicia, incluíndo o subsector de augas minerais, termais e de manancial, así como actividades de elaboración de rocha ornamental.
A tramitación das solicitudes realizarase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, e o prazo de presentación será ata o 24 de agosto.
A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) seguirá de preto esta convocatoria polo seu interese para a mellora continua do sector e a súa contribución a unha actividade industrial máis sostible, segura e eficiente en Galicia.

