A directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), Arantxa Prado, participou como representante da COMG na reunión do Padroado da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), un órgano clave para o impulso de iniciativas de colaboración entre o ámbito empresarial e o universitario en Galicia.
Tras a sesión do Padroado, tivo lugar a conferencia baixo o formato «Encontros con…» de FEUGA con Carlos García Galán, na que se reuniron numerosos integrantes do ecosistema investigador de Vigo e do conxunto de Galicia, consolidándose como un espazo de diálogo e reflexión arredor do coñecemento, a innovación e a transferencia.
Ademais, contouse coa presenza do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que acudiu acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo. Así mesmo, asistiron a reitora electa da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen García Mateo, e os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, e da Universidade da Coruña, Ricardo Cao.
Coa súa presenza nesta xornada, a COMG reafirma o seu compromiso cos espazos de cooperación que promoven a innovación, o talento e a conexión entre coñecemento e actividade produtiva, ámbitos estratéxicos tamén para o desenvolvemento e a modernización do sector dos recursos minerais en Galicia.
Imaxe: Xunta de Galicia.

