Esta semana celebrouse StoneGal 2026 no recinto feiral IFEVI (Vigo). A directora da COMG, Arantxa Prado, xunto coa responsable da Oficina Técnica, Irene Pérez, asistiron a esta feira internacional da pedra natural, que serviu como punto de encontro clave para o sector a nivel internacional os días 17, 18 e 19.
Durante tres xornadas, StoneGal reuniu a máis de 150 empresas expositoras, xunto con profesionais, arquitectos, distribuidores e compradores procedentes de distintos países, nunha cita que busca impulsar a innovación, favorecer o intercambio de coñecemento e abrir novas oportunidades de negocio en toda a cadea de valor da industria.
StoneGal é unha oportunidade para reforzar o posicionamento de Galicia como territorio estratéxico na industria da pedra natural. Neste sentido, a Cámara Mineira de Galicia estivo presente na inauguración e percorreu o recinto feiral visitando os stands da Asociación de Graniteiros de Ourense, Minera de Rocas, Blockdegal e o Clúster do Granito, entre outros.
A feira ofrece un espazo onde coñecer as últimas tendencias en arquitectura, deseño, tecnoloxía, maquinaria especializada e novas aplicacións da pedra natural. Ademais, o Cumio Internacional (Summit Internacional) conta con expertos e referentes que abordarán a evolución do material e as súas novas perspectivas na arquitectura e na industria contemporánea.

