A Cámara Mineira de Galicia (COMG) participou na reunión do Comité Executivo da Enerxía, celebrada en Santiago de Compostela na sede do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), no marco da primeira mesa de traballo impulsada pola Xunta co Diálogo Social para avanzar na elaboración do novo Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG). En representación da Cámara asistiu Juan Ricoy, membro da Xunta Directiva, como representante do Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste.

Durante o encontro, presidido polo director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, abordáronse os primeiros pasos da tramitación do novo plan, coa análise de criterios territoriais, ambientais e sectoriais e a presentación dos listados de afeccións técnicas e ambientais que, xunto coa dispoñibilidade de recurso eólico, servirán de base para elaborar o borrador. Así mesmo, convidouse as entidades asistentes a realizar achegas nesta fase inicial.

Esta iniciativa forma parte do compromiso da Xunta de impulsar un proceso transparente e aberto para actualizar un instrumento de ordenación do sector eólico con máis de dúas décadas de vixencia, incorporando a evolución tecnolóxica e o marco normativo actual. Como continuidade a estes traballos, está prevista unha segunda mesa coas entidades máis representativas do sector, na que se seguirá avanzando na definición dos eixes do futuro PSEG e na recompilación de propostas.