A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) continúa celebrando o seu centenario coa exposición itinerante “Tesouros da terra: a minería galega a través do tempo”, que desde o 11 de novembro pode visitarse no parque da Rúa do Concello do Pino ata o 25 de novembro. Este percorrido divulgativo por 2.500 anos de historia mineira reforza o compromiso da COMG coa posta en valor do patrimonio xeolóxico e coa conexión da minería coa identidade e o desenvolvemento de Galicia.
A inauguración contou coa presenza do alcalde do Pino, Manuel Taboada, a directora da COMG, Arantxa Prado, e a responsable da Oficina Técnica da COMG, Irene Pérez, xunto a representantes de empresas mineiras e do tecido empresarial local.
A exposición “Tesouros da terra” chega así á súa oitava parada, despois de pasar por Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña, Ourense, Vigo, Parada do Sil e Lestedo (Boqueixón). Deste xeito, consolídase como unha das principais iniciativas divulgativas do centenario da COMG e como referencia para achegar o sector mineiro á cidadanía.
O Pino, clave para a minería galega
A elección do Pino como nova sede da exposición non é casual. Durante o acto, subliñouse a súa relevancia histórica e xeolóxica, posicionándose como un concello que simboliza o estreito vínculo entre o territorio, os seus recursos e a minería galega.
Este municipio estivo historicamente vencellado ao sector extractivo, tanto polo seu contexto xeolóxico e loxístico como polo seu papel administrativo e de servizos na comarca. Próximo a entornos de interese mineiro como Boqueixón, Vedra, Vila de Cruces, Touro ou Silleda, o Pino xogou un papel relevante na demanda de transporte, mantemento de maquinaria, subministracións e servizos asociados á minería.
No seu entorno tamén destacan explotacións de áridos, pedra natural e cerámica, así como a proximidade a proxectos como a mina de cobre de Touro, declarada Proxecto Industrial Estratéxico pola Xunta de Galicia.


