A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) continúa reafirmando o seu compromiso coa innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, subliñando a importancia da minería como base imprescindible para a economía dixital e a industria europea do futuro. Así se puxo de manifesto este luns, 10 de novembro, na xornada “A pegada galega na transformación dixital”, celebrada no Club Nordés Empresarial da Coruña, dentro do ciclo de actos conmemorativos do centenario da COMG.

O encontro reuniu a figuras clave do ecosistema dixital e tecnolóxico: o director da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), Ignasi Belda; a investigadora do CITIC e directora da Cátedra INDITEX-UDC sobre Intelixencia Artificial en algoritmos verdes, Verónica Bolón; e a Innovation Manager do FSAS International Quantum Center de Fujitsu, Cora Vinagre. A conversa xirou arredor do papel de Galicia no desenvolvemento dixital e da implicación directa dos minerais críticos no avance da intelixencia artificial, a computación cuántica e as tecnoloxías verdes.

Durante a inauguración, a presidenta da COMG, Cecilia Trancón, lembrou que a minería é unha industria esencial para a innovación, a sostibilidade e o desenvolvemento da intelixencia artificial. “Vivimos unha transformación profunda que depende de materias primas críticas, porque sen minería non hai datos, non hai chips, non hai enerxías limpas”, destacou. “Por iso, a minería é un piar estratéxico para a innovación tecnolóxica e para a industria europea”. Trancón incidiu en que Galicia achega recursos xeolóxicos, experiencia industrial e unha nova xeración de profesionais comprometidos cunha minería moderna, responsable e dixital.

No debate, Cora Vinagre subliñou que a aceleración da intelixencia artificial depende directamente dos minerais críticos, e fixo fincapé en que a oportunidade para Galicia non reside só na extracción, senón tamén en aportar valor engadido a través da exploración baseada en datos, o reciclaxe avanzado e a certificación dixital da trazabilidade dos materiais. Ademais, destacou o papel estratéxico da computación cuántica e a necesidade de que Europa conte con capacidades propias e alianzas tecnolóxicas sólidas, afirmando que Galicia pode contribuír de forma real se inviste en talento e transferencia de coñecemento.

Ignasi Belda, pola súa parte, destacou que a innovación e a regulación en intelixencia artificial son compatibles en Europa, e que o Regulamento Europeo de IA achega seguridade xurídica e regras de xogo claras. Resaltou, ademais, o papel de España e da Coruña no deseño das políticas europeas de intelixencia artificial, con técnicos galegos participando activamente nos grupos de traballo comunitarios.

Verónica Bolón centrou a súa intervención no potencial da intelixencia artificial para avanzar cara a modelos máis sostibles, con algoritmos eficientes e tecnoloxía respectuosa co planeta. Insistiu en que Galicia ten a oportunidade de situarse na vangarda da “transformación dixital verde”, apoiándose no talento e coñecemento xa existentes no territorio.

Esta xornada, a terceira do ciclo “Encontros polo Centenario da COMG”, exemplifica o obxectivo da Cámara: crear espazos de diálogo sobre o pasado, presente e futuro de Galicia, poñendo en valor o talento local e o liderado en sectores estratéxicos vinculados aos recursos naturais. Neste contexto, a COMG segue impulsando a conexión entre tradición e vangarda, patrimonio e industria, cultura e investigación, reafirmando o papel da minería como motor de innovación, sostibilidade e desenvolvemento social.