A empresa Epifanio Campo, S.L., integrada na marca Cerámica Campo, recibiu a certificación “Galicia Calidade” que acredita a calidade e a orixe galega da súa gama de tellas e ladrillos fabricados nas plantas de Lendo (A Laracha) e Albixoi (Mesía).
O recoñecemento entregouse nun acto celebrado en Mesía, no que participaron Diego Casal Ramos, subdirector xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia; Ana Méndez, xerente de Galicia Calidade; e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro.
En representación do sector mineiro galego estivo tamén presente a presidenta da Cámara Mineira de Galicia, Cecilia Trancón, que quixo acompañar á compañía nun día significativo para a industria cerámica e para a posta en valor dos recursos naturais de Galicia.
Durante o evento, o director xeral de Cerámica Campo, Jacobo Campo, salientou que a certificación “supón un recoñecemento ao traballo de todo o equipo e ao compromiso constante coa mellora continua e coa calidade do produto”, e engadiu que “formar parte de Galicia Calidade reforza o valor da orixe galega nun sector cada vez máis orientado á sustentabilidade e á eficiencia”.
Con máis de oitenta anos de traxectoria, Cerámica Campo combina tradición e modernización tecnolóxica na fabricación de materiais cerámicos, apostando pola eficiencia enerxética, a durabilidade e o aproveitamento responsable das materias primas locais.
Desde a Cámara Mineira de Galicia felicítase á compañía por este logro, que constitúe un exemplo de como a industria transformadora galega pode medrar sobre os piares da calidade, a innovación e a sustentabilidade, mantendo o seu vencello co territorio e cos seus recursos.

