O proxecto de participación social e comunicación de Mina Doade foi recoñecido co primeiro premio na subcategoría «Participación na Comunidade Local» dos Premios Nacionais 2025 da Fundación Minería e Vida, dentro da categoría «Proxecto destacado en Xestión Social – Gran Empresa».

O fallo pon en valor un enfoque participativo e de transparencia que, segundo destaca o xurado, constitúe unha experiencia pioneira no sector extractivo en España e un referente en Galicia en materia de compromiso social. Os Premios da Fundación Minería e Vida consolidáronse como un dos recoñecementos de referencia do sector mineiro en España, ao distinguir boas prácticas con impacto social positivo.

Desde as súas primeiras fases, o proxecto promovido por Recursos Minerais de Galicia situou a comunidade local no centro da estratexia, desenvolvendo un proceso amplo de consultas e unha investigación científica sobre a percepción social na contorna. Este traballo traduciuse en 46 entrevistas en profundidade a actores clave e 519 enquisas nos concellos de Beariz, Avión, Forcarei, A Lama e Cerdedo-Cotobade. Os resultados integráronse nun Estudo de Avaliación de Impacto Social e Económico (EISE) con 26 medidas sociais propostas, documento que se incorporou á solicitude de pase a concesión de explotación (xaneiro de 2025).

A iniciativa apostou por unha política de transparencia proactiva: de xeito voluntario e previo ao período administrativo de exposición pública, publicouse nunha web específica a documentación completa da solicitude de concesión de explotación, máis de 8.900 páxinas, para a súa consulta, descarga e avaliación por parte da cidadanía. Esta medida continúa activa.

Este recoñecemento súmase ao premio recibido en 2024 pola plataforma Minería Sostible de Galicia da Cámara Oficial Mineira de Galicia e á mención, tamén en 2024, a Campo Sementa de Cerámica Campo. Neste sentido, o sector pon de relevo a gobernanza social, a escoita activa e a rendición de contas como vectores para unha minaría máis aberta, colaborativa e socialmente aceptada.