A semana pasada tivo lugar a primeira reunión do Consello Mineiro de Galicia, cuxa presidencia recae na conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. A COMG estivo presente neste punto de encontro de todos os axentes implicados no sector, desde representantes dos diversos sectores mineiros ata sindicatos, colexios profesionais, Administración e representantes empresariais.
A presidenta deste Consello informou da resolución do primeiro concurso de dereitos mineiros despois de 14 anos, que fora convocado a comezos deste ano. Ademais, anunciou que, de xeito inminente, se publicará un segundo concurso con dereitos relacionados con indicios ou evidencias de materias primas consideradas críticas, como o volframio ou o litio, que resulta especialmente relevante e coherente coa estratexia europea de garantir un subministro seguro, sostible e responsable dos materiais esenciais para a transición enerxética e dixital. Desde a Cámara Oficial Mineira de Galicia valórase positivamente a convocatoria dun novo concurso de dereitos mineiros por parte da Xunta, pero deféndese que este debe ser un trámite habitual e non extraordinario no noso sector. Este tipo de iniciativas son fundamentais para avanzar na investigación e no coñecemento do potencial xeolóxico da nosa comunidade.
Grupos de traballo
A continuación, noutro punto da orde do día anunciouse que a través deste Consello se articulará unha serie de grupos de traballo para poñer en común e dar solución ás diversas necesidades e preocupacións do sector. Así mesmo, explicouse tamén a introdución dun Plan de Inspección Mineira, a través da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas que acompaña ao proxecto de Orzamentos de 2026. Neste sentido, este plan regulará as “visitas totais ou parciais” ás explotacións mineiras para levantar acta do seu estado en relación co proxecto orixinal. Esta medida, sinalan desde a Xunta, supón unha reorganización das funcións de inspección para poder intensificar o traballo mineiro e, a partir de aí, regulalo nunha orde que se elaborará en colaboración co Consello da Minaría.

Primeira reunión do Consello Mineiro de Galicia. Fuente: Xunta de Galicia

