A exposición ‘Tesouros da Terra’ polo Centenario da Cámara Oficial Mineira de Galicia xa está instalada na praza Maior de Lugo ata o 1 de outubro.

Inaugurouse esta mañá contando coa presencia do alcalde de Lugo, Miguel Fernández e a tenente de Alcalde, Ana Mª González Abelleira ; subdelegado acctal. do Goberno en Lugo, Víctor Fraga Gayoso, o Deputado da Área de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; e o subdirector Xeral de Recursos Mineirais da Xunta de Galicia, Diego Casal Ramos. Por parte da Cámara, asistiu a directora, Arantxa Prado, acompañada pola responsable da Oficina Técnica da COMG, Irene Pérez.

Durante a súa intervención, a directora da COMG, destacou a provincia de Lugo “como exemplo destacado de tradición e innovación na minería galega”.  Historicamente, a actividade mineira na provincia de Lugo centrouse no ferro, especialmente nas comarcas da Pontenova, Viveiro e Monforte. Na actualidade, a lousa é o mineral máis extraído, concentrando o maior número de empregos no sector. A súa explotación dáse principalmente no sur da provincia, nas comarcas da Fonsagrada, O Courel e Os Ancares. A presidenta tamén salientou  “a extracción de caolín e cuarzo na zona da Mariña lucense e da magnesita no concello do Incio, única explotación activa deste mineral en toda Galicia”.

A exposición, que recorre 2.500 anos de historia mineira en Galicia a través de oito paneis divulgativos, forma parte dos actos conmemorativos do Centenario da entidade.