Presentacion viii samurai xtreme race

A presidenta da COMG pon en valor a restauración mineira do lago das Pontes na presentación da VIII Samurai Xtreme Race

A Sala Juan Gallo da Deputación da Coruña acolleu a presentación oficial da VIII edición da Samurai Xtreme Race, que se celebrará o próximo 6 de xullo na contorna do lago das Pontes. Ademais, esta proba coincidirá coa final do Campionato de España OCR Liga AOCO 2025.

O acto contou coa participación da presidenta da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), Cecilia Trancón, xa que a entidade colabora na organización do evento. Acompañárona o deputado de Deportes, Antonio Leira; e o responsable da organización da proba, José Cope.

Durante a súa intervención, a presidenta da COMG fixo referencia á contorna privilexiada na que se celebra a proba, “un exemplo de restauración mineira a nivel europeo“. Este lugar, que foi unha mina e o maior motor económico da zona, hoxe converteuse nun sitio de gozo, que alberga un ecosistema coroado polo lago artificial máis grande de Europa.

A VIII Samurai Xtreme Race contará este ano cun percorrido de 10,3 quilómetros e máis de 70 obstáculos naturais e artificiais, nun trazado que reunirá aos mellores especialistas estatais en OCR e a centos de participantes populares. O responsable da organización do evento destacou o aumento constante das inscricións femininas nos últimos anos, que representan nesta edición o 41% dos participantes.