
09 Mai A vicepresidenta da COMG modera unha mesa redonda sobre os desafíos da minaría sostible en O Encontro de Sober 2025
O venres 9 de maio, a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) estivo presente en O Encontro de Sober 2025, un foro para potenciar a relación entre o sector rural e a industria en Galicia. A vicepresidenta da COMG e presidenta de Blokdegal, Mónica Rodríguez, participou como moderadora nunha das mesas redondas do encontro, na que estivo acompañada de Diego Casal, Subdirector Xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia; Constantino Penedo, responsable de Medio Ambiente de Cobre San Rafael; e Eduardo Jiménez, director de Magnesitas de Rubián.
Durante a charla, titulada ‘Minaría Sostible: desafíos dun sector estratéxico’, abordouse a importancia de manter a rigorosidade e a transparencia desde o sector, considerando a todos os actores interesados na súa actividade á hora de efectuar comunicacións.
Do mesmo xeito, reflexionouse ao redor da imaxe da minaría galega, unha industria supeditada a uns estándares de calidade de obrigado cumprimento, que forman parte dunha normativa consensuada e en constante revisión.
Por último, púxose o foco sobre a necesidade de impulsar ferramentas de ordenación mineira en Galicia, que faciliten a investigación, co obxectivo de poñer ao dispor da sociedade as materias primas presentes no territorio.