
13 Mai Tejas Verea e o COAG premiarán as cubertas máis sostibles realizadas con tellas cerámicas
Tejas Verea, empresa membro da COMG, convoca a segunda edición dos Premios Internacionais de Arquitectura Cubertas Tejas Verea, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), co obxectivo de distinguir as obras ou solucións máis eficientes e sostibles en cubertas realizadas con tellas cerámicas Verea.
O certame está dirixido a profesionais da arquitectura e o deseño, e distinguirá obras finalizadas entre xaneiro de 2021 e decembro de 2024 con cuberta inclinada de tella cerámica. En canto ás obras, poderán presentarse candidaturas para as de nova planta de uso público ou privado, así como tamén para reformas ou rehabilitacións en espazos públicos urbanos.
O certame conta con dúas categorías, cada unha delas dotada cun premio de 3.000€: Gama Eternal, para obras con tella cerámica desta gama de produtos Verea, e Gama Clásica, para obras realizadas coas tellas clásicas Verea.
Como novidade, nesta edición, ademais de obras arquitectónicas, valorarase cunha mención especial os proxectos con novos usos das tellas cerámicas Verea en traballos de señalética, revestimentos verticais, deseño interior e/ou exterior.
O prazo límite para a inscrición e presentación da documentación é o venres 11 de setembro de 2025. Para realizar a inscrición ou consultar as bases do Premio, habilitouse un apartado específico na web de Tejas Verea.