
28 Feb Obradoiros semanais gratuítos e financiamento para PEMES, entre as iniciativas do proxecto SEE BRIDGE para 2025
Desde o pasado ano 2024, a Oficina de Proxectos Europeos (OIPE) da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) colabora no proxecto europeo SEE BRIDGE, financiado polo programa COSME, con presenza en Turquía, Irlanda, Eslovenia e Italia. Trátase dun proxecto orientado a PEMES e asociacións intermediarias en sectores enerxéticamente intensivos.
Entre as actividades que se poñerán en marcha a partir de 2025, no marco deste proxecto, atópase un ciclo de obradoiros semanais gratuítos, organizados polos socios de SEE BRIDGE, que terá lugar entre o 6 de marzo e o 22 de maio. Os encontros tratarán diversos temas: xestión de proxectos; networking e creación de consorcios; desenvolvemento de plans de negocio; análise de mercado e metodoloxías innovadoras; e propiedade intelectual e vixilancia do ecosistema empresarial. Os interesados poden inscribirse na páxina web da iniciativa.
Doutra banda, SEE BRIDGE lanzou unha segunda convocatoria de financiamento desde 2.000 ata 4.000 euros para PEMES vinculadas a sectores electrointensivos e a súa cadea de valor (incluíndo minaría, canteiras, produtos químicos, metalurxia, papel, plásticos, vidro, cerámica e construción, entre outros). As entidades que apliquen poderán recibir apoio financeiro para diversas actividades que respalden a súa transición cara a operacións máis ecolóxicas e dixitais e, polo tanto, tamén a súa competitividade e impacto xerais. A convocatoria estará aberta ata o 13 de marzo de 2025, ás 17:00h. Se desexas consultar máis información ou inscribirte no porgrama, podes facelo a través da seguinte ligazón. Para saber máis sobre esta convocatoria, podes participar no seminario web informativo do 28 de febreiro ás 14:30h.
O 28 de febreiro ás 13:30h., terá lugar un obradoiro de cooperación e networking, destinado a conectar con axentes clave de diversos sectores, intercambiar boas prácticas e explorar colaboracións para futuras convocatorias de financiamento da Unión Europea. Tamén haberá tres obradoiros adicionais cun enfoque práctico sobre execución de proxectos e asociacións estratéxicas a longo prazo.
O equipo da COMG, por medio da OIPE, está á vosa disposición para solventar calquera dúbida ou aportar máis información sobre as actividades de SEE BRIDGE. Podes contactar connosco a través de camaraimpulsa@camaraminera.org ou cmg@camaraminera.org.