
06 Feb O sector mineiro galego reúnese para poñer sobre a mesa os diferentes puntos de vista respecto da reactivación dos concursos mineiros
O xoves 6 de febreiro, tivo lugar a xornada técnica ‘Concursos de Dereitos Mineiros en Galicia’, organizada pola Subdirección Xeral de Recursos Minerais e dirixida ao sector mineiro galego.
A primeira parte centrouse nas funcionalidades do visor SIX que detalla os dereitos mineiros que saíron a concurso en cada unha das catro provincias galegas e cuxa ligazón aparece nas correspondentes publicacións do Diario Oficial de Galicia (DOG). Na presentación participaron Diego Casal, Subdirector Xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia; e Irene Pérez, responsable da Oficina Técnica da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG).
A segunda parte correu a cargo de Manuel Rodríguez, un experto da plataforma SILEX de contratacións, por medio da cal se van a presentar as solicitudes de permisos de investigación, quen realizou unha simulación paso a paso do proceso, para a continuación aclarar as dúbidas dos interesados.
O peche da xornada consistiu nunha mesa redonda, na que se abordaron os diferentes puntos de vista do sector respecto da reactivación dos concursos mineiros en Galicia. Por parte da COMG, a directora, Arantxa Prado, detallou o proceso de elaboración do Catastro Mineiro de Galicia e os beneficios sobre o mapa actual de dereitos caducados. Tamén participaron representantes do Clúster da Pizarra de Galicia, do Clúster do Granito, de ARIGAL e de AGACER.
“Se visualizamos o mapa de dereitos caducados actual pode ser bastante máis rechamante segundo a provincia, pero, en definitiva, que a saída de concursos mineiros pase a ser unha xestión administrativa habitual reverte positivamente en toda a sociedade por dous motivos. Por unha banda, permite a investigación dos recursos minerais e, con iso, o coñecemento para poñelos ao dispor. O segundo punto, non menos importante, é que moitos deses terreos quedarán libres, francos e rexistrables, sen a connotación mineira de dereito caducado, que bloquea esa área ata que salga un novo concurso”, afirmou a directora da COMG.
O Catastro Mineiro, cuxa xestión corresponde á COMG, en virtude do artigo 9.2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, integra nunha única plataforma informática toda a información sobre os dereitos mineiros da comunidade, axiliza a súa tramitación e xestión, fomenta o aproveitamento ordenado e eficiente dos recursos minerais da comunidade e impulsa o desenvolvemento sostible dos dereitos mineiros, entre outras prestacións.
A información do Catastro Mineiro divídese en dous bloques: a referida aos dereitos mineiros (tipo, titular, situación administrativa, extensión, delimitación e prazo de vixencia) e a información adicional que poida ser relevante para a súa xestión por parte da administración ou para os titulares e solicitantes (xeolóxico-mineira, ambiental e socioeconómica).
Esta información xestiónase a través de tres subsistemas interrelacionados: Sistema de Información Xeográfica (SIX), base de datos (BD) e plataforma de consulta e visualización vía web. A BD e o SIX forman o núcleo do sistema e neles almacénase a información. A través da interface pública e a páxina web é posible consultar dita información.