
11 Feb A directora da COMG asiste á presentación da Estratexia Galega de Infraestrutura Verde, unha rede pioneira a nivel nacional
O martes 11 de febreiro, a consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia presentou a Estratexia Galega de Infraestrutura Verde e da Conectividade e a Restauración Ecolóxicas (EGIVCRE), unha rede ecoloxicamente coherente e estratexicamente planificada de zonas naturais, deseñada para a conservación dos ecosistemas e o mantemento dos servizos que provén. Galicia é a primeira comunidade autónoma que pon en marcha esta rede, que busca protexer a biodiversidade dos impactos causados polas actividades económicas e socias, xerando beneficios para a sociedade, o tecido produtivo, a economía rural e os concellos.
A xornada contou coa participación de preto de 150 persoas, entre técnicos, representantes municipais, investigadores das tres universidades galegas, membros de distintos colexios profesionais, entidades e empresas, entre outros. Por parte da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) acudiu a súa directora, Arantxa Prado.
A EGIVCRE inclúe unha liña de axudas para apoiar aos concellos no fomento de proxectos que impulsen as infraestruturas verdes nos espazos urbanos e periurbanos. Entre as iniciativas subvencionables atópanse a plantación de especies autóctonas que contribúan a crear refuxios urbanos para atenuar o efecto “illa de calor”; a creación de novos espazos como fachadas, cubertas, muros ou balcóns verdes para incrementar a biodiversidade urbana; ou o acondicionamento e mellora das infraestruturas verdes (sendas, parques etc.) e azuis (ríos), entre outras.