Presentacion stonegal

Stonegal, o evento para o sector da pedra natural en España, celebra o seu acto de presentación

O xoves 31 de outubro tivo lugar a presentación de Stonegal, o evento dedicado á pedra natural en España, que se celebrará do 3 ao 5 de xuño de 2025 no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI). Ao acto acudiu como convidada a directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), Arantxa Prado.

Cunha cultura de extracción e produción de pedra natural que se remonta a tempos prerromanos, Galicia e o norte de Portugal son o referente industrial da produción de granito en Europa. Baixo esta premisa nace Stonegal, que busca posicionarse como unha plataforma de lanzamento para as innovacións e tendencias que están a moldear o futuro do sector da pedra natural (granito, lousa e mármore).

O evento desenvolverase a través de dous eixos: exposición e congreso. Dunha banda, ‘Stonegal Expo’, unha mostra temática de pedra natural, especialmente de granito e lousa, xunto coas súas industrias no noroeste de España e o norte de Portugal. A organización prevé completar 15.000 metros cadrados de exposición, incluíndo pavillóns internacionais. Pola outra, ‘Stonegal Congress’, o evento de referencia no mundo da arquitectura, o urbanismo e o deseño de interiores con pedra natural.