Conferencia alianza galega polo clima

A directora da COMG participou na II Conferencia das partes da Alianza Galega polo Clima

O xoves 24 de outubro, coincidindo co Día Internacional contra o Cambio Climático, tivo lugar a II Conferencia das partes da Alianza Galega polo Clima, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. O obxectivo do encontro, no que tamén se celebrou o plenario da Alianza, era reflexionar sobre a neutralidade climática e definir os próximos pasos desta iniciativa, que conta con máis de 160 membros, entre eles a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG).

A directora da COMG, Arantxa Prado, estivo presente na conferencia, á que tamén acudiron representantes das demais organizacións que forman parte da Alianza, así como doutras entidades interesadas. A innovación para a neutralidade climática ou a importancia do talento e o coñecemento como factores clave para a competitividade climática foron algúns dos temas que se trataron durante o foro.

O discurso de clausura do encontro quedou en mans do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen centrou a súa intervención nas medidas cautelares que actualmente están a paralizar os proxectos industriais na comunidade. Tamén defendeu o labor das empresas que presentan iniciativas de calidade e da administración á hora de revisalas.

A Alianza Galega polo Clima avoga pola procura de medidas comúns e coordinadas que xeren sinerxias na acción climática en Galicia. Este proxecto reúne a diferentes organizacións comprometidas coa mellora do medio ambiente, a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030.