22 Out O Parlamento galego aproba a Lei de Recursos Naturais
O martes 22 de outubro, o Parlamento de Galicia aprobou o Ditame, emitido pola Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, sobre o Proxecto de lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, abreviado como Lei de Recursos Naturais.
A presidenta da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), Cecilia Trancón, e a directora, Arantxa Prado, estiveron presentes no pleno do Parlamento galego, ao que asistiron como público para coñecer os diferentes puntos de vista sobre a lei expostos durante o debate previo á votación.
A norma autonómica busca identificar uns indicadores cuantitativos que permitan valorar o impacto social e económico asociado a cada proxecto industrial co fin de que repercutan de maneira especial nas comunidades locais onde se implanten. A súa importancia reside na intención de garantir un retorno positivo dos proxectos industriais sobre o territorio, fomentando o peche da cadea de valor en Galicia e xerando beneficios directos para o conxunto da poboación.
As medidas establecidas pola nova lei atópanse aliñadas coa formulación que a industria mineira galega defendeu e promeu ata a data, enfocado ao cumprimento dos requisitos legais, a aplicación das mellores técnicas dispoñibles para garantir a compatibilidade coa protección ambiental, a integración territorial do proxecto e o maior beneficio social para a comunidade na que se integre.