Tejas verea entellate

Escolares de Ordes descobren a industria cerámica galega a través da campaña ‘EnTéllate’ de Tejas Verea

Escolares de sexto de primaria do CEIP Campomaior de Ordes participaron na campaña ‘EnTéllate’, unha iniciativa promovida por Tejas Verea, empresa fabricante de tellas e solucións integrais para cubertas localizada en Mesía (A Coruña), membro da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), para poñer en valor os recursos naturais do rural, como a arxila, e a importancia da súa xestión sostible e responsable.

A campaña, que se iniciou o xoves 17 de outubro, incluíu unha visita ás instalacións de Tellas Verea, unha fábrica automatizada e dotada da última tecnoloxía, referente do sector cerámico en España. Nela, os escolares descubriron o proceso completo de transformación da arxila nunha tella sostible e resistente grazas á innovación tecnolóxica.

A xornada completouse cunha visita á antiga telleira, ou fábrica de tellas de Visantoña, en Mesía. Situada nunha antiga canteira restaurada e convertida en lagoa e centro de divulgación ambiental, en Brañas de Valga, os escolares visitaron a zona natural e descubriron as materias primas de calidade da súa contorna.

Unha campaña para que os escolares ‘se decaten’

O obxectivo da iniciativa, inaugurada en 2018, é que os escolares ‘se decaten’ e reforzar a súa conexión co medio rural, desde unha tripla perspectiva: ambiental, histórica e social.

Durante o mes de outubro, un total de 63 escolares de colexios de Ordes e Mesía participarán no programa e coñecerán desde dentro a industria cerámica da nosa comunidade.