Agenda escolar minera

A Cámara Oficial Mineira de Galicia reparte 3.000 axendas escolares en colexios de toda a comunidade

  • A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), a través da plataforma Minería Sostible de Galicia, e grazas á colaboración de varios dos seus membros, editou e distribuíu, desde maio ata a actualidade, a ‘Axenda Escolar Mineira 2024-2025′.
  • O obxectivo da iniciativa é divulgar a importancia dos recursos minerais na vida cotiá, así como dar a coñecer o patrimonio mineiro histórico galego entre os máis pequenos.
  • Desta maneira, a COMG dá continuidade a un proxecto que comezou en 2022, coa edición da primeira axenda escolar.

A Coruña, 3 de outubro de 2024. – A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), a través da plataforma Minería Sostible de Galicia, e grazas á colaboración de varios dos seus membros, editou e repartiu 3.000 exemplares da súa ‘Axenda Escolar Mineira 2024-2025′ en colexios das catro provincias galegas. Deste xeito, a COMG dá continuidade a esta iniciativa que naceu en 2022, coa elaboración da primeira axenda escolar.

Desde o mes de maio ata a actualidade, ata 18 empresas e entidades colaboradoras distribuíron as axendas editadas pola COMG entre o alumnado dos centros escolares de Primaria e Secundaria situados nas súas áreas de actividade. A entrega levouse a cabo en municipios de toda a comunidade, entre eles Vimianzo, Mesía, A Laracha, Burela, Foz, Barreiros, Pontevedra, Forcarei, Cerdedo e Beariz.

O obxectivo do proxecto é divulgar a importancia e utilidade dos recursos minerais na vida cotiá, dando a coñecer o patrimonio mineiro histórico galego nas aulas. Nas axendas escolares tamén se inclúen consellos que os máis pequenos poderán aplicar no seu día a día, vinculados ao aforro enerxético, o coidado do medioambiente e a reciclaxe.

Nesta iniciativa, liderada pola COMG, colaboraron case unha vintena de empresas e entidades da industria mineira galega: Erimsa, Caolines de Vimianzo, SAMCA, Euroarce S.L., Áridos do Mendo, Pasek Minerales, Epifanio Campo, Tejas Verea, Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos, Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España, F. Gómez y Cía S.L., Esmin Ingeniería, Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia, MyHnor – Morteros y Hormigones del Noroeste, Cobre San Rafael, Blokdegal S.A., Magnesitas de Rubián S.A e Recursos Minerales de Galicia S.A.

Sobre a Cámara Oficial Mineira de Galicia

A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) é un órgano consultivo que representa ao sector industrial dos recursos minerais en Galicia. Reúne nunha mesma entidade os intereses públicos e privados para conseguir o mellor aproveitamento dos recursos xeolóxicos dunha forma sostible e maximizar o seu beneficio para a sociedade. Está formada por todas as persoas físicas ou xurídicas que realizan actividades destinadas á investigación e o aproveitamento dos recursos xeolóxicos, calquera que sexa a súa orixe ou estado físico, desde o seu coñecemento ata a súa posta en valor.